Friday 17 de May de 2024

Feijóo homenaxea en Madrid os Heroes do Orzán, “un espello no que todos os galegos e españois podemos mirarnos”


“José Antonio, Rodrigo e Javier deron a súa vida pola causa máis elevada: a defensa duns valores que todos os cidadáns admiramos”, lembra

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que acompañou ao ministro do Interior no acto de homenaxe aos membros do Corpo Nacional de Policía falecidos na praia do Orzán e a todos os caídos en acto de servizo, referiuse aos Heroes do Orzán como “un espello no que todos os galegos e españois podemos mirarnos”.

“Esta homenaxe é unha proba máis de que a sociedade española non esquece os seus heroes. José Antonio, Rodrigo e Javier deron a súa vida pola causa máis elevada: a defensa duns valores que todos os cidadáns admiramos”, aseverou, ao que engadiu que “estes tres axentes quedarán para sempre na nosa memoria como exemplos de valentía, de cumprimento do deber e de xenerosidade”.

Durante a súa intervención, o responsable do Goberno galego incidiu en que co seu xesto os tres axentes demostraron unha xenerosidade extrema, e expresou o seu convencemento de que “todos os galegos e todos os españois do futuro” estarán profundamente orgullosos do que fixeron.